Tuesday 07 de May de 2024

Tertulias literarias na biblioteca Rialeda


A inscrición ás tertulias literarias na biblioteca central Rialeda de Perillo abrirase o próximo mércores 4 de outubro ás 8:30 h. É posible apuntarse persoalmente na biblioteca, na web municipal ou chamando por teléfono ao 981 639 511.

A animación á lectura, gozar da literatura como un desenvolvemento da capacidade de creación e comunicación a través da mesma, compartir e debater ideas ou reflexionar sobre diferentes asuntos e puntos de vista son os obxectivos principais que se perseguen con este programa cultural desenvolto na biblioteca Rialeda.

Nas tertulias literarias comentaranse obras de distintos xéneros, principalmente narrativa contemporánea, mais tamén poesía, teatro ou ensaio, nun ambiente de familiaridade, procurando o lado formativo e lúdico da lectura.

A actividade, que conta con 38 prazas por orde de inscrición distribuídas en 2 grupo de 19 persoas; está dirixida a maiores de 18 anos e durará ata o mes de xuño. As sesións celebraranse os mércores quincenalmente ás 17:30 h.

A presentación e primeira sesión do grupo A será o mércores 18 de outubro e a do grupo B o mércores 25 de outubro, ambas ás 17:30 h.